Remata o ano e aínda non gastaches o total dos días de vacacións que che correspondían. Podes dispoñer delas o vindeiro ano?
A resposta á devandita pregunta é negativa. O dereito ás vacacións caduca dentro do ano natural e, xa que logo, non poderás esixir que a empresa che permita dispoñer dos días de vacacións dos que non gozaches o ano anterior.
Polo tanto, apúrate en reclamar os días que che queden de vacacións no que queda para rematar o ano. Porén, neste caso, haberá que ver se existía un calendario de vacacións, que debe existir, e que, en consecuencia, tamén debería de ser cumprido, sen que quepa modificalo ao arbitrio ou capricho do traballador, nin tampouco do empresario.
O certo é que se non gozaches das túas vacacións cando che correspondía facelo (segundo establecía o calendario de vacacións correspondente) pola túa única e exclusiva vontade ou, de non ser así, por unha circunstancia distinta que non lle comunicaches, en tempo, á empresa, agora, (dentro do ano no que estas) non poderás esixir que che permitan irte de vacacións (dentro do ano actual) polos 10 días que che restan de vacacións non gozadas.
Todo o dito, non impide os acordos coa empresa para, por exemplo, acumular un determinado período das vacacións do ano actual co das do vindeiro ano, para dispoñer, por exemplo, de 40 días, en total, no 2023.
Por outra banda, tamén hai excepcións, como a de resultar que durante todo ou parte do período previsto para as túas vacacións estiveches de baixa laboral. Neste suposto terás dereito a gozar das vacacións pendentes dentro dos vindeiros 18 meses, a contar dende o fin de ano en curso. E se a baixa foi por embarazo, paternidade ou maternidade, non haberá un límite temporal para facelo.
E, qué pasa coa posible compensación en metálico das vacacións non gozadas?
Neste suposto, tampouco poderás reclamarlle á empresa esa compensación, a salvo de que se produza unha extinción do contrato, en cuxo caso terás dereito a que cha inclúan na liquidación a compensación económica polas vacacións das que non gozaches dentro do ano no cal se produza a dita extinción.