A custodia compartida, digamos que é “tendencia” na realidade dos nosos xulgados. De feito leva séndoo dende hai xa bastante tempo.

Porén, as veces, trátase dun “recurso” utilizado polos pais litigantes para fines que non son os apropiados. Estes, os apropiados, haberán de consistir, basicamente, por riba dos intereses dos proxenitores, na protección dos menores. Na procura de que estes sufran, na medida do posible, o menor trastorno derivado da rotura da relación afectiva entre os seus pais.

Un cambio periódico de domicilio, cando isto implica consecuencias negativas para os nenos, debe limitar a “manga ancha” á hora de conceder a custodia compartida.

Amais, outro problema da “tolemia” pola custodia compartida deriva da falsa crenza de que con ela, polo feito de que previsiblemente os períodos de garda dos menores vanse equiparar entre os pais, vaise evitar o pago dunha pensión de alimentos. Pois ben, isto non é certo.

O feito de que un xuíz decrete un réxime de custodia compartida non implica que os proxenitores igualen os seus patrimonios ou medios de vida como por arte de maxia. O mais probable é que a situación económica de ambos os dous por separado se manteña tras o divorcio ou mesmo que empeore para o que viña tendo unha maior dependencia do outro.

No caso de que a situación laboral e económica dos proxenitores sexa mais ou menos equiparable, entón probablemente careza de sentido establecer unha determinada pensión de alimentos, cando os tempos de garda e custodia dos menores sexan similares. Pero cando existe unha diferencia mais ou menos apreciable nas devanditas circunstancias non ten sentido privar os nenos do sustento do proxenitor en mellor situación.

Outra razón, que pode limitar os excesos na “tendencia” da que tratamos , segundo unha recente sentenza do Tribunal Supremo, do pasado mes de xullo, é cando exista unha situación de alto nivel de conflito entre os pais dos menores que faga desaconsellable o establecemento dun réxime de custodia compartida. Semella lóxico, si reparamos en que un dos piares fundamentais da custodia compartida ten sido sempre o acordo entre os litigantes.

En suma custodia compartida si, pero coas debidas limitacións, inspiradas, sobre todo, na maior protección dos menores afectados pola situación.