No suposto do que hoxe tratamos temos unha persoa que viña percibindo unha pensión de invalidez e un complemento, do 20%, vinculado coa súa idade, que estaba próxima á de xubilación, cando lle foi concedido.
O problema xurdíu unha vez que foille recoñecida outra pensión, de xubilación, en outro pais (Holanda), e o INSS declarou que eran incompatibles e, aparte de quitarlle o complemento, reclamoulle as cantidades que tiña cobrado por tal concepto dende que lle foi recoñecida a pensión de xubilación por Holanda. Temos que engadir que a contía da pensión de xubilación recoñecida por este país era moi cativa, mesmo inferior á do citado complemento. Ou sexa que o pobre do home, amais de ter que devolverlle á Seguridade Social varios meses acumulados, cobraría, dende que se lle concedeu a pensión holandesa, menos do que viña cobrando ata entón.
O xulgado social de Santiago, onde caeu a nosa demanda, desestimouna por considerar que o INSS tiña a razón, ao manter que a percepción do complemento non era compatible coa percepción dunha pensión de xubilación, nun terceiro país, porque entroutros motivos a razón de ser do complemento tiña que ver coa idade do beneficiario e as dificultades que isto lle supoñía para acceder a un posto de traballo, namentres que a xubilación, por definición, implica que non podes traballar.
O certo é que a administración actuou dun xeito contrario ao procedemento legal establecido, ao inciar un procedemento de devolución de cobros indebidos, que era o que contiña a declaración de incompabilidade das prestacións, sen seguir, antes, o proceso legalmente previsto. (Proceso de revisión de actos declarativos de dereitos que prexudiquen os seus beneficiarios). Este defecto, podía carrexar a declaración de nulidade do procedemento seguido e a posibilidade de que a administración iniciase o proceso correspondente. Pero, claro, o interesante para o afectado non era iso, senón que se declarase a compatibilidade das prestacións para que a cuestión quedase definitivamente resolta e puidese cobrar a súa pensión española, o complemento do 20% e e, tamén, a pensión de Holanda.
Xa que logo, aparte da dita circunstancia, invocamos, no recurso que formulamos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que, en asuntos similares ao que nos ocupa, establecía que non podía establecerse a incompatibilidade entre unha prestación íntegra e outra rateada, como é o caso dun complemento que se establece nunha determinada porcentaxe sobre a cantidade base percibida e, sobre todo, que unha declaración de incompatibilidade non podía derivar da interpretación, contraria ao beneficiario, dunha serie de normas que non teñen prevista, de xeito claro e específico, o mesmo tipo de situación.
Ao final, gañamos o recurso e o pensionista non tivo que devolver nada e, ademais, puido seguir cobrando as dúas pensións e mais o complemento.