No canto do que encabeza este artigo, podemos optar por titulalo como; “A voltas co complemento de maternidade para os pais”. (Dende 2021 pasou a chamarse “Complemento para a reducción da fenda de xénero”).

Pero situémonos. O dito complemento foi introducido no ano 2016, para complementar o importe das pensións contributivas de xubilación, incapacidade permanente e viuvez, das mulleres que durante a súa vida laboral houbesen tido 2 ou máis fillos.

A razón “oficial” da súa inclusión era compensar a achega das nais ao incremento demográfico.

O seu importe oscilaba, e oscila, entre un 5% anual, con dous fillos, un 10%, con tres, e un 15% se tiveches catro ou mais fillos.

A aplicación da norma que estableceu o dito complemento foi impugnada ante a xustiza europea, que finalmente, tras un proceso de anos, considerou, nunha sentenza de finais de 2019, que discriminaba aos pais, fronte ás nais.

Mesmo recoñeceuse o complemento para os casos de fillos xa falecidos, antes ou despois do parto, coa exixencia dun período mínimo de xestación de 180 días.

Así as cousas, o actual goberno decidiu acabar coa “coadeira” de reclamacións presentadas por pais xubilados e sacouse da manga un “fillo” do anterior complemento, ao que chamou “complemento para a reducción da fenda de xénero”, ao cal engadiulle unha chea de requisitos, que na práctica fan case que inviable que un pai poda acceder a el.

Coido que, de novo, a Administración do Estado está introducindo a discriminación por razón de sexo e que, mais tarde ou mais cedo, a xustiza europea voltará pronunciarse sobre o tema.

Entrementres, o panorama para os pais é o seguinte:

  • Se te xubilaches  entre o 1.01.2016 e o 3.02.2021 estas de sorte e podes pedir o complemento de maternidade anterior á última reforma e obtelo con bastante facilidade. Ademais, tamén foille recoñecida unha retroactividade que vai mais aló da data na que o solicitaches.
  • Se, nembargantes, te xubilaches o 4.02.2021 ou mais tarde, practicamente terás imposible que che recoñezan o complemento. Tes que ser viuvo, con fillos con dereito a unha pensión de orfandade ou ter interrompido a túa carreira profesional por ter que coidar dos teus fillos, así como, outra serie de condicións que haberá que ir analizando caso por caso.