Podo impugnar unha multa que xa está en fase executiva?
O caso que se nos formula comeza cunha multa, de aparcamento (o suposto valería respecto de moitas outras infraccións de tráfico), contra o titular dun vehículo, que este quere impugnar, pero que xa estaba en vía executiva.
Ao domicilio do dito titular foille enviada a denuncia, intentándose por dúas veces a súa notificación, sen que nin o interesado, nin ninguén, a recollese. Isto dou lugar a que se publicase no BOP. Pasado o tempo estipulado, a multa quedou firme e, xa que logo, abreuse vía executiva.
O mesmo titular tampouco fora requirido para que identificase ao condutor, senón que directamente foi denunciado como autor da dita infracción. (O incumprimento do requirimiento de identificación do condutor podería, de ter sido realizado, constituír outra infracción distinta da primeira).
Os devanditos de defectos de tramitación observados pola administración, que poderían ter provocado a nulidade da multa de aparcamento, non puideron ser alegados, xa que ao interesado, que estaba embarcado, pasáronlle todos os prazos para facelo e cando voltou do mar, o asunto xa estaba en vía de prema (vía executiva). É dicir, tiñan pasado os prazos para atacar a multa, que adquiríu firmeza.
POSIBLES SOLUCIÓNS:
1 Se a multa é de escasa contía (por debaixo dos 600€) quizáis compense máis pagar que iniciar unha serie de trámites que quizáis non cheguen a bo porto e, ao final, dupliquen, segundo os casos, a referida contía).
2 Se a multa é de contía superior, cabería solicitar a revogación do acto. Posibilidade que prevé o art. 109.1 da Lei 39/2015.
Porén, esa vía é como pedirlle algo “xusto” á administración, e que esta decida si nolo da ou non, sen ningún efecto ou consecuencia posterior se non accede a darnos o que lle pedimos. Queremos dicir, que si a administración non accede á nosa solicitude non podemos impugnar nin esta decisión (inxusta) nin tampouco reclamar no caso de non ternos ofrecido ningún tipo de resposta.
Para que atendese a nosa solicitude deberiamos de fundamentala moi ben, porque, do contrario, a administración vaise lavar as máns.
3 Unha mellor saída sería quizáis, impugnar a multa e, para isto solicitar que se revise a actuación da administración, ao abeiro do art. 106.1 da mesma lei, por entender que existe unha causa de nulidade das previstas no art. 47.1.a (lesión dun dereito fundamental, como o de presunción de inocencia, por exemplo).