O recoñecemento do pago de salarios polo desprazamento dun traballador dende o seu domicilio particular ata o lugar de comezo da actividade laboral é a cuestión, indirecta, que foi resolta por unha sentenza do Tribunal Supremo, en xuño do pasado ano.

Como sucede, por sorte, cada vez con maior frecuencia, a lexislación europea e, en especial, as resolucións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea marcaron o camiño a seguir para o dito recoñecemento. Aínda que tamén é certo que a “conservadora” xudicatura española vai pasiño a pasiño e como xa ten sucedido en outros ámbitos, cústalle bastante acoller as directrices que lle marca o dito tribunal europeo, como xa sucedeu, por exemplo, coas cláusulas bancarias abusivas incluídas nas hipotecas.

O caso que nos ocupa afectaba a unha empresa de instalación e mantemento de ascensores. Os seus técnicos comezaban a súa xornada laboral ás 8.00 horas, nos locales da empresa, dende os cales desprazábanse ao domicilio do primeiro cliente, con un vehículo suministrado pola propia empresa.

O tempo investido nos desprazamentos entre os seus domicilios particulares e os locales ou delegacións da empresa non se computaba como tempo de traballo e, polo tanto, non se lles pagaba como salario. Unicamente se lles compensaban os desprazamentos aos lugares dos clientes, cunha pequena cantidade, en concepto de dieta.

Despois, a empresa variou a súa operativa, unicamente para os traballadores da súa delegación central, e estableceu que, para eles, a xornada laboral empezaría, tamén, ás 8.00 horas, pero no domicilio do primeiro cliente,  permitindo, dende entón, que estos traballadores seguiran a dispor dos vehículos da empresa, ainda que, neste caso, eran eles mesmos, a partir do dito cambio, os que se encargaban de os estacionar e preservar, en lugares próximos aos seus domicilios particulares.

Tamén se lles daba un trato diferente aos traballadores adscritos á delegación central da empresa e ao resto de operarios, en relación coa finalización da súa xornada laboral ordinaria, xa que namentres que os primeiros podían rematar a súa xornada de traballo cando chegaban ao seu domicilio, ás 17.00 horas, tras abandoar o domicilio do último cliente, uns 15 ou 20 minutos antes da dita hora, os das delegacións periféricas, habían de rematar a súa xornada, ás 17.00 horas, no domicilio do último cliente ou, en todo caso, no local da empresa.  E, así, o tempo investido por estos en chegar as súas casas, non se consideraba, en ningún caso, como tempo de traballo e, xa que, logo non se lles pagaba.

Pois ben, o Tribunal Supremo veu de aceptar o que un xulgado xa recoñecera no seu día, que consistía en considerar que o tempo investido polos traballadores da empresa, nos desprazamentos entre os seus domicilios particulares e o domicilio do primeiro cliente, era tempo de traballo  e, polo tanto, tamén da por bó o que estimou aquel órgano xudicial; que a xornada laboral ordinaria non empezaba ás 8.00 horas, senón as 7.30 ou as 7.45 horas, segundo os casos, que era a hora na que se consideraba que os traballadores saían dos seus respectivos domicilios en dirección ao domicilio do primeiro cliente.