A nosa sección de estranxeiría vén de lograr un novo éxito ao recoñecerse a unha cliente a residencia por circunstancias excepcionais, por arraigo familiar, para maiores de 65 anos.
O certo é que a reforma legal que está en vigor desde agosto do ano pasado facilitou, e moito, a obtención do permiso de residencia en casos como o sinalado, para maiores de 65 anos, porque desde entón xa non se require que a persoa solicitante estea “a cargo” dun cidadán español e, polo tanto, evita ter que acreditar uns determinados requisitos económicos que moitas veces resultaban inalcanzables para quen desexaba regularizar a súa situación.
Ademais, tampouco é necesario que a persoa estranxeira, ascendente, menor de 65 ou maior dese límite de idade, sexa familia directa dun español, senón que tamén se pode solicitar a residencia do pai ou da nai do outro cónxuxe se este último tampouco ten a nacionalidade española. É dicir, que un español pode facilitar a obtención da residencia da súa sogra ou sogro, estranxeiros, que son os pais da súa muller estranxeira.
A concesión desta residencia desde unha situación irregular implica a posibilidade de traballar, o cal non resulta tan descabelado se temos en conta que á xubilación ordinaria en España só se chegará nun curto espazo de tempo, cando alcancemos os 67 anos e moitas veces as persoas estranxeiras procedentes de determinados países non perciben ningunha prestación ou pensión.
A duración do permiso de residencia inicial será de 5 anos, o cal resulta moito máis favorable que o ano inicial que se prevé para outros casos de arraigo, como o laboral.
Tras ese período inicial de 5 anos, poderase renovar a autorización por outros 5 e despois conseguir a residencia definitiva.