Un dos eixos da impugnación dos resultados dun determinado proceso selectivo (acceso á función pública, ou mesmo relacionado coas cualificacións das probas dunha escola oficial de idiomas) consiste na previa e necesaria comprensión da denominada “discrecionalidade técnica”.
O que implica o dito concepto xurídico supón un escollo difícil, pero non imposible, de superar, pois se ben os titulares dos órganos xudiciais non son quen para substituír as avaliacións, puramente técnicas, dos examinadores, que se presume que contan coa axeitada solvencia profesional, porén, todo iso non impide que poda ser revisada a motivación da decisión que se impugna, que esixe unha axeitada resposta ás cuestións formuladas polo interesado, ofrecida a modo de razoamento ou motivación. Sobre todo, cando tales demandas veñen provocadas pola previa existencia de lagoas e contradiccións naquela decisión.
As liñas mestras destas consideracións atopámolas en varias sentenzas do TS (STS de 5 de outubro de 1989 e de 6 de outubro de 2011), e do TC (STC 215/1991, de 14 de novembro).
A última delas, destaca o dereito á igualdade de todos os aspirantes, a necesidade de que o criterio de cualificación responda aos principios de mérito e capacidade e, por último, esixe o cumprimento do mandato constitucional de interdición da arbitrariedade.
De todos os xeitos, coido que o máis relevante, é que se impón a necesidade de motivar o xuízo técnico.

Finalmente, quero engadir que cando un inicia un proceso de impugnación hai que armarse de paciencia e non desanimarse ás primeiras de cambio e, coma non, manter unha estreita vixianza dos curtos prazos que adoitan ofrecérmonos para cada novo paso na nosa reclamación.