O presente comentario vai de propinas e de se os camareiros teñen dereito a cobralas como parte do seu salario ou non.

En outros países as propinas constitúen a retribución dos traballadores ou, cando menos, unha parte substancial da mesma. Esta circunstancia deriva do carácter normalizado ou habitual de pagar propinas nunha determinada porcentaxe por parte dos clientes dos bares e restaurantes.

Secasí, en España, as propinas non están recoñecidas como salario.

De todos os xeitos, que non estean recoñecidas como salario non implica que os empresarios podan prohibir, sen máis, que os seus traballadores as perciban.

Iso é, máis ou menos, o que resolveu unha sentenza do Tribunal Supremo do pasado ano 2021, ante o cal chegou o asunto no cal un empresario prohibira aos seus traballadores cobrar as propinas e, entón estes, non conformes coa dita decisión, reclamaron que a dita prohibición fose declarada como modificación substancial das condicións do traballo e, xa que logo, eliminada da súa relación laboral.

Xa dixen antes, que as propinas non son salario. Esta circunstancia, parece que podería impedir, en principio, que a reclamación dos traballadores tivese éxito. Por outra banda, tampouco sería unha chamada “condición máis beneficiosa adquirida”, susceptible, en consecuencia, de ser restituíta pola empresa.

Obviamente, si os clientes non están obrigados a dar unha propina, non pode depender do acto libre destes, que son alleos á relación laboral, que xurda un dereito salarial a prol dos traballadores.

Agora ben, naquela sentenza, o TS considera as propinas como unha máis das condicións do emprego ou do traballo, en canto que é susceptible de afectar a un axeitado clima de traballo e, sobre todo, é quen de influír na dedicación ou esmero dos traballadores, para os cales as propinas poden actuar, no senso expresado, coma un incentivo.

A conclusión que cabe extraer é que a prohibición de cobrar propinas por parte dos traballadores, como pasa coa reducción unilateral dos seus salarios ou coa modificación dos seus horarios de traballo, por parte do empresario, precisa do cumprimento dunha serie de requisitos previos, que son os previstos no art. 41 do Estatuto dos traballadores, como o de aparecer debidamente xustificada e ademais serlles notificada con carácter previo.

En suma, a supresión das propinas por parte do empresario, como pasa con outras modificacións substanciais das condicións do traballo, debe seguir o procedemento legalmente establecido, e, en consecuencia, é algo que os xefes non poden facer así porque sí.